Stefania Giannini

Stefania Giannini foi nomeada Subdirectora Xeral de Educación en maio de 2018, converténdose na principal funcionaria das Nacións Unidas no ámbito da Educación. Neste cargo, proporciona unha visión estratéxica e de liderado para o campo da educación na UNESCO, mediante a coordinación e seguimento da implementación da “Axenda de Educación 2030”, enmarcada no Obxectivo 4 de Desenvolvemento Sostible.

Dedicou a súa  carreira a promover a educación como un dereito humano fundamental, a través da importancia do idioma, a aprendizaxe ao longo da vida, a cultura, a liberdade de expresión e a identidade, nun esforzo por garantir sociedades máis inclusivas e equitativas.

Cunha formación académica en Humanidades (PhD en Lingüística), Giannini converteuse en profesora de Lingüística en 1992 e desempeñou o cargo de Reitora da University for Foreigners of Perugia (2004-2012), sendo unha das primeiras reitoras e a máis nova en Italia.

Durante estes anos coordinou varios proxectos internacionais de investigación relevantes no campo da educación superior, contribuíndo á mellora da cooperación universitaria entre Europa e outros  países, desde Estados Unidos a países de Asia e Medio Oriente e a rexión do norte de África.

Ao mesmo tempo, foi membro do Comité de Selección do Programa Erasmus Mundus en Bruxelas (2005-2009), responsable de relacións internacionais no Comité da Conference of Italian University Rectors (2006-2010) e membro da Comisión Nacional para a Promoción da Cultura Italiana no Estranxeiro (Ministerio de Asuntos Exteriores, 2006-2011).

Posteriormente, no seu papel de Senadora da República de Italia (2013-2018) e Ministra de Educación, Universidades e Investigación (2014-2016), desenvolveu e implementou unha reforma estrutural do sistema educativo italiano, centrada na inclusión social e na conciencia cultural.

Tamén presidiu o Consello de Educación e Competitividade da Unión Europea durante a Presidencia italiana (xullo-decembro de 2014), traballando para promover a importancia da creatividade, o patrimonio cultural e a innovación como ferramentas para o diálogo, a fin de previr a radicalización e o extremismo.

Ademais do seu posto actual como Subdirectora Xeral de Educación da UNESCO, Giannini é Asesora do Comisionado Europeo de Investigación e Innovación, así como membro do Atlantis Group da Varkey Foundation e de RISE (Research, Innovation and Science Policy Experts).